jueves, 8 de enero de 2009

Antropomorfo de Mourelos

O ANTROPOMORFO DE MOURELOS

D´O Saviñao é unha das mellores labras da plástica castrexa do Convento Lucense (temos uns 26 antropomorfos neste Convento), unha obra que nos remite á primeira representación humana do Concello, unha escultura que soporta sobre os seus ombreiros case 2000 anos.

Estamos a referirnos ao antropomorfo de Mourelos, dado a coñecer por J. Delgado nun artigo xornalístico en 1992. Despois de todos estes anos debido ao desinterese das distintas administracións a peza segue sen estar institucionalizada nun museo de noso.

A obra a estudar foi localizada na casa dos antepasados da familia Belisario, fogar que dista pouco do castro de Mourelos, pertencente á parroquia de San Xulián de Mourelos, concello d´O Saviñao.

O antropomorfo de Mourelos é unha figura de bulto redondo de xisto de lousa, dunha factura tosca e carente de proporcións. É unha representación humana exenta, na que a cabeza de 25 cm é case a metade de toda a escultura (54 cm); o autor da obra intenta destacar a cabeza sobre o resto da representación. Pode tratarse dunha metáfora da existencia e representar a crenza entre os celtas e outros pobos irmáns, como os castrexos, de que a cabeza é a xénese da vida e a personalidade, e por iso ten un colar ríxido que engalana o pescozo, punto de unión entre a vida e o corpo. Na parte anterior da cabeza temos un rostro plano, no que se presentan uns ollos de lograda factura cilíndrica, o nariz, case imperceptíbel, é un triángulo, e a boca unha leve incisión horizontal. Posúe forte mentón, pómulos saíntes e grandes orellas, o que nos lembra as “mascarillas” funerarias romanas. Das orellas só conserva a esquerda. Tras o perfecto mentón temos un pescozo curto seguido dun torques. Dos ombros parten dous pequenos brazos que descansan as súas mans na zona supra-púbeca, de aquí emerxen unhas minúsculas pernas.

Esta obra incluímola na plástica castrexa por unha serie de similitudes con outras esculturas deste período, así temos unha serie de antropomorfos que colocan as súas mans sobre o peito ou o ventre (característica deste período que vemos nos antropomorfos de Logrosa-Negrira ou Carabelas-Rois), a nosa asenta as mans sobre o pube. A obra a analizar ten un torques, e isto non é exclusivo da Cultura Castrexa, como ben sabemos nela temos moitas pezas con este elemento simbólico-ornamental. Outra similitude que se repite en moitas ocasións son unhas orellas moi grandes. Nalgunhas pezas tamén podemos destacar uns mentóns pronunciados, que sumado ás enormes orellas e aos pómulos acentuados dan un aspecto de rigoris mortis, como se estas pezas fosen positivos de máscaras funerarias, ou imaxes de mortos, como nós cremos. Igual que outros antropomorfos é de bulto redondo, pero será na parte anterior onde os artíficies escultóricos poñan máis interese para a súa visión frontal. Unha similitude máis é un rostro plano, onde o nariz e a fronte están á mesma altura, o nariz triangular, unha labra tosca e desproporcionada polo descoñecemento dos clásicos é propio dunha arte rural, característica que sen as anteriores poderían datar a obra en diferentes culturas.

Durante moito tempo a Cultura Castrexa foi considerada “celta”, e as súas obras formaron parte da plástica celta europea. Hoxe inclinámonos a pensar, seguindo a autores como F.Arias, Acuña ou C.Lourido, que non temos nin unha soa peza que poidamos ubicar cronoloxicamente antes da chegada dos romanos ao noroeste peninsular, todas as obras nas que se pudieron certificar a súa cronoloxía pertencen ao cambio de Era ou á primeira metade do século I.d.C. A escultura do mundo castrexo coincidirá co apoxeo da romanización, e do que realmente se trata, cando falamos de escultura, de plástica, é dunha manifestación da arte provincial romana nun lugar en nun tempo concreto: o noroeste peninsular.

Como sabemos a Cultura Castrexa non é un todo uniforme, senón que nela apreciamos dúas grandes áreas: o Convento Xurídico Bracarense e o Convento Xurídico Lucense. No Convento que nos atinxe, o Lucense, a plástica é máis escasa e menos evolucionada, temos unha ausencia dos grupos escultóricos de guerreiros galaicos e de sedentes, esta ausencia e escasez en contraposición ao Convento Bracarense, débese á menor, menos profunda e máis tardía romanización dos habitantes do norte da Gallaecia. Lucus será sobretodo un Convento mineiro, de control militar sobre o norte, e as artes non terían cabida nese mundo romano, só a capital, Lucus Augusti, contará con este privilexio.


Cronoloxicamente podemos datar esta peza a mediados do século I.d.C. en paralelismo con outras atopadas en excavacións sistemáticas (a 3ª de Barán-Paradela, Graña-Toques, Francos-Rois/Brión, Elvira-A Coruña) ou atopadadas con restos materiais cerámicos e muiños circulares deste período (as dúas de Logrosa-Negreira, Cortes-Paradela).


Seguindo as teses de R.Colmenero, sabemos que durante este período a Gallaecia estaba plenamente romanizada e as súas principias vías, XVIII, XIX e XX, foran realizadas neste século. Perto da acrópole de Mourelos pasaban dúas vías secundarias que unían Dactonium (Monforte, Castillón) con Aquis Celenis (Caldas de Reis) da que conservamos os Codos de Belesar, e a vía que unía Lucus Augusti con Aquae Flaviae (Chaves) seguindo o curso do Miño no Convento Lucense, e quedando o castro de Mourelos nun espolón á outra marxe do río Miño. Estas vías sumadas á máis antiga ruta castrense e comercial, a do propio curso do Miño e do Sil, sitúannos o
Castro de Mourelos nun lugar estratéxico e perfectamente comunicado nese período. Á presencia de vías de comunicación próximas, temos que mencionar os achádegos en superficie no castro de Mourelos, algúns xa citados por L. Cuevillas e F. Fraguas, de tégulas (introducidas por Roma para sustituir a cuberta pre-romana de palla-barro das vivendas), e muíños circulares (dos que sabemos que a súa presencia se remonta no noroeste a mediados do século I d.C).

Ademais, na parroquia limítrofe de Santa Mariña de Rosende, temos localizadas dúas aras romanas atopadas perto do castro de Corbeixe, nas que podemos interpretar IOM/VALERIUS (ara dedicada a Xupiter Óptimo Máximo por Valerius) e ARAM/DEDIC (ara dedicada…), tamén foron recuperados outros materiais como muíños circulares e naviformes, tégulas e restos de escoria. Outros restos romanos próximos e de vital importancia son os da villae de Castillón (Concello de Ferreira de Pantón).
Pola boa comunicación da acrópole de Mourelos e polos achádegos romanos próximos podemos confirmar unha gran romanización de toda a zona, que afectaría directamente á arte.

Por último teremos que falar das posíbeis interpretacións da peza de Mourelos. Son varias as hipóteses que podemos barallar, e todas elas máis ou menos válidas.
A primeira enmarcariámola no grupo escultórico de antropomorfos cos brazos cruzados na parte anterior, como as dúas de Logrosa. Pola súa postura puido ter unha función funeraria, que sumada ao rigores mortis e a un torques que expresa inmellorabelmente o prestixio e o poder das elites, que é o marcador de estatus por excelencia, e que na Cultura Castrexa ornamenta simbolicamente os pescozos dos homes, poderiamos dicir que estamos ante unha representación funeraria dun mandatario, dun xefe castrexo.

Outros grupos escultóricos desta plástica son os sedentes, que descansan os seus brazos nos xeonllos, e os guerreiros galaicos, que os teñen pegados ao corpo, polo que a peza de Mourelos non se enmarcaría nestes dous grupos escultóricos castrexos, sen mencionar os atributos dos que carecería e o seu inferior tamaño.
Outra interpretación estaría relacionada coa posición das mans sobre o pube, co que poderiamos relacionala cos antropomorfos de Vilapedre-Sarria e Genço, pero para iso teriamos que supoñer que co paso do tempo ou pola acción antrópica a escultura silícea metamórfica (unha rocha branda) perdese as súas características fálicas.

E a terceira hipótese, a menos provábel xa que non temos ningún paralelismo na plástica Castrexa, pódenos levar á representación dun deus pre-romano ou dunha deidade indíxena asimilada a un deus romano. Podería ser a representación do deus romano Mercurio, xa que se representa moitas veces cun torques. Sería o único atributo e carecería doutros como o caduceo, o marsupium, o petatus ou as sandalias con ás, pero sabemos que nalgunhas representacións europeas da época os atributos son pezas ornamentais en metias que puido perder co paso do tempo ou pola acción do home. O deus indoeuropeo Lugo será asimilado polos galaico-romanos a Mercurio, e deste deus procede o topónimo de Lucus, actual Lugo.